Pablo Morán - Sobre a asamblea constituinte do Sindicato Galego da Música en 1979, en Benedicto - O sindicalismo e o SGM, artigo en Polo mar da liberdade. Homenaxe a Benedicto, Fundación 10 de marzo, 2014
BENEDICTO - O sindicalismo e o S.G.M.
Pablo Morán – Músico Pontevedra, marzo 2014
> -----Mensaxe orixinal-----
> De: Pablo MORAN [mailto:pablomoran@wanadoo.es]
> Enviado o: domingo, 04 de xullo de 2004 6:33
> Para: webmaster-sn@galicia.ccoo.es
> Asunto: 25 cabodano do SGM-Sindicato Galego da Música
> Esta mensaxe é para recordar que tal día como hoxe, o 4 de xullo de
> 1979,hai xa 25 anos, tivo lugar, no Fogar San Francisco de Santiago, a
> Asamblea Constituinte do Sindicato Galego da Música.
> Anos despois este sindicato pasou a denominarse Sindicato Galego do
> Espectáculo e a integrarse en CCOO. Nese acto de integración estivo
> presente o fundador e primeiro secretario xeral da confederación, Marcelino Camacho.
> Daquela había moito que facer posto que o antigo réxime xa caera, e se
> trataba de artellar novas formas de organizar o asociacionismo
> profesional e sindical.
> Hoxe, 25 anos despóis, e a pesar do moito que se fixo desde este
> sindicato en canto á difusión de información e apoio ao sector do espectáculo e a
> cultura, ainda non hai estadísticas fiables do noso sector, a maioría
> dos músicos seguimos figurando como demandantes de emprego, porque non hai
> empresas productoras como tais, o nivel de cotizacións á seguridade
> social é mínimo, e a economía submerxida segue a ser o ámbito habitual de
> traballo. En Galicia e en España.
> Volvendo ao 4 de xullo de 1979, algúns estivemos alí convidados por
> outros, que foron quen organizaban todo.
> Había xente de orquestras de baile, de grupos de rock, había músicos
> folk que logo levaron o nome e a música tradicional de Galicia por todo o
> mundo adiante, e que fixeron uso como ninguén dos servizos de promoción que o
> SGM propuxo aos seus afiliados, etc.
> Había tamén xente de fora de Galicia, doutros sindicatos, que viñan
> facer testemuña do seu apoio e a aportar a sua experiencia.
> Entre todos aqueles, quero facer mención especial de Gelo García Seoane,
> batería dunha coñecida orquestra e posteriormente famoso alcalde de
> Oleiros, con quen tiven a honra de compartir debates na Comisión Executiva do
> SGM.
> E quero deixar para o final a un dos que eu considero artífices da
> creación deste Sindicato Galego da Música, profesional do ensino e sindicalista
> de CCOO desde sempre, pero coñecido nos ámbitos da canción e da música en
> xeral xa desde a época do Movemento Popular da Canción Galega, e de Voces
> Ceibes.
> Un recordo especial para Benedicto García.
----------
> De: "Benedicto" <benegv@telefonica.net>
> Data: Mér, 7 Xul 2004 18:39:45 +0200
> Para: <pablomoran@wanadoo.es>
> Asunto: Re: 25 cabodano do SGM-Sindicato Galego da Música
> Moito me alegra ver que alguén, e alguén coma ti, claro, ten presente este > cabodano, o 25 nada menos, e que teña tan bós recordos. Claro que un pouco > inxustificado, polo menos polas "flores" que me dedicas e que entenderás que > de verdade non merezo. Simplemente, como agora se dí: "estaba no momento
> axeitado, no lugar axeitado e coa xente axeitada". Isto último é o máis
> importante de todo, pois é o saber que non vas diante de ninguén, senón á
> par de moitos que nos dá, segue a dar, azos para camiñar. Así foi e así será
> sempre. E senón mira no que foron esas inmensas mobilizacións planetarias
> contra a guerra ou as nosas máis caseiras pero non menos importantes contra
> a non-xestión do accidente do PRESTIGE.
> Ese é o combustible, o alimento, dos que nos negamos a renunciar á UTOPÍA,
> así, con maiúsculas. Así podemos perseguila cada día.
___________________________________________________________________________________________
Así escribía eu unha mensaxe a algúns colegas no 2004 para recordar a fundación do SGM no ano que o sindicato cumpría 25. E así me respondía Benedicto, con esa sencillez, determinación, espíritu positivo e claridade de ideas que sempre amosa.
A primavera de 1977 supuxo un marco de referencia moi necesitado, moi soñado e moi traballado en todo o estado español. Despois de case cuarenta anos de ditadura, a legalización dos partidos e dos sindicatos permitiu a quen xa levaba anos artellando e loitando pola liberdade poder continuar coa sua actividade dun xeito máis real, abandonar a clandestinidade e poñerlle nome ás actividades políticas e sociais.
Neses tempos o PCG era en Galicia, en gran medida, o movemento da esquerda, a referencia da loita antifranquista nas fábricas, nos grandes asteleiros, na universidade, no mundo da cultura, referencia na que tamén convivía o movemento nacionalista galego e se sabía da loita da UPG. Cando se facía mención do partido, xa se sabía de qué se estaba a falar.
Benedicto García Villar, Benedicto, que estudara en Compostela e en Madrid mentres era membro de Voces Ceibes e empregaba a canción como unha ferramenta máis da loita antifranquista, levaba unha década de militancia, tanto no partido como no mundo sindical, nas CCOO, cando en abril de 1977 se legaliza o PCG, se sentan as bases para o desmantelamento do sindicato vertical franquista e se abre un novo camiño para a defensa en liberdade dos dereitos sociais e laborais dos cidadáns. Despois de Voces Ceibes participou no Movemento Popular da Canción Galega, e nestes tempos facía recitais frecuentes con Bibiano, tamén membro do Movemento e das Voces , ou en solitario acompañado polo baixista Luis Otero.
Na campaña electoral das primeiras eleccións democráticas coincidimos con Benedicto nunha festa- mitin do PCG celebrada en Cabanas-Pontedeume. Había uns meses que debutáramos co noso grupo musical, Agra, cunhas propostas que non casaban con nada do que se facía nese momento nestas terras galegas. Seguramente por iso o noso traballo non pasou desapercibido, e algún tempo despois o mesmo Benedicto citounos no seu piso de Xeneral Pardiñas, en Santiago, para propoñernos colaborar nos seus recitais. Noi puido ser, por diferentes motivos, axendas, compromisos de estudos, etc., pero deses días vén a nosa relación.
A prensa da época recolle as legalizacións e primeiras formas de asociacionismo que tiveron lugar neses tempos, aproveitando a época da transición democrática. http://elpais.com/diario/1978/01/03/cultura/252630006_850215.html
O Sindicato Galego da Música empezou a funcionar nos ámbitos provincial e comarcal para logo constituirse a nivel galego. No 1978 constitúense os sindicatos de Pontevedra e de Ferrol, sindicatos de músicos de zonas tradicionalmente abundantes en formacións musicais de moi diversos tipos, pero desde a óptica profesional maioritariamente no ámbito dos grupos e orquestras que tocan en festas populares, en salas de festas ou en discotecas. Un sector cultural moi marcado polo aspecto laboral, xenerador de traballo para moita xente, e cunha actividade extendida e diseminada por toda a xeografía galega e peninsular. Non é unha coincidencia que sexan precisamente as comarcas do norde e do sul de Galicia as que inician o movemento sindical no ámbito da música, xa que tamén son esas zonas onde o movemento obreiro e asociativo sempre tivo maior peso. O desmantelamento do sindicato vertical franquista, un tipo de sindicalismo obrigatorio no réxime anterior e no que convivían por decreto empresarios e traballadores, facía necesario un novo modelo de sindicalismo libre, desvencellado das estructuras de poder heredadas e tamén das persoas que durante anos estiveron controlando os diferentes sectores laborais.
Tamén con Benedicto coincidimos actuando nunha Gran Festa Musical, oito horas de música viva, celebrada no Pabellón dos Deportes da Coruña no verán de 1978 e organizado polo Sindicato Galego da Música, coa colaboración do Sindicat de Músics de Catalunya. (La Voz de Galicia, martes 29 agosto 1978). Buscábase aglutinar propostas de diferentes tipos para reclamar unha potenciación da música viva e popular, afogada polas invasións discográficas. O problema profesional, a autodefinición dos músicos como traballadores do sector musical, e a defensa dos postos de traballo son temas que preocupan a todos os alí participantes. Houbo música de cantautor, música galega, rock, música lixeira e de baile, jazz e mesmo unha big band integrada por músicos de diferentes grupos e orquestras.
Pero foi o 4 de xullo de 1979 cando tivo lugar formalmente a Asamblea Constituinte do SGM, xa a nivel de Galicia, no Fogar de San Francisco, en Santiago de Compostela. Benedicto, vicepresidente da mesa, foi quen abriu a sesión como responsabel da comisión de organización, explicando as normas de funcionamento da asamblea, a necesidade da realización da propia asamblea e as razóns da composición dos membros da mesa que presidía e moderaba o acto. Entre os membros da mesa había músicos de distintos sectores, das diferentes zonas de Galicia, algúns como delegados dos sindicatos xa organizados, outros músicos galegos convidados e tamén músicos convidados do Sindicato Musical de Madrid e do Sindicato
Musical de Zaragoza. Dase lectura a comunicados de grupos e bandas que non poideran asistir, e infórmase das mensaxes enviadas polo SPME da Coruña e polo Sindicat de Músics de Catalunya, desexándolle unha boa marcha ao SGM.
Na taboa reivindicativa fálase de chegar a acordos coas empresas para asumir as cuotas da seguridade social, para evitar o paro producido polas discotecas. Fálase de establecer unhas tarifas de precios mínimos para os grupos de música profesionais, así como de exixir unhas condicións mínimas en canto aos escenarios de actuación. Fálase da exixencia de creación de escolas de capacitación profesional, de conservatorios e do potenciamento da música tradicional galega, así como da creación de bandas de música municipais nos concellos de certa importancia. Fálase dos axentes artísticos, dos intermediarios, da sua legalidade e das irregularidades coñecidas do sector. Fálase do papel do SGM establecendo unha bolsa de traballo para os músicos. Fálase de solicitar a eliminación do imposto de luxo para o material musical, a eliminación da patente fiscal de artista para os músicos que son traballadores por conta allea. Prantéxase a subscripción dunha póliza colectiva de seguros para os afiliados que contemple o traballo e os accidentes. A asamblea prantexa a anulación do playback en todos os lugares onde sexa necesaria a colaboración de profesionais da música para o acompañamento de artistas (aire libre, salas de festa, discotecas, televisión, radio, etc.)
Benedicto propón darlle un corpo máis formado tanto ás reivindicacións laborais como ás culturais. Para elo prantexa presionar ás autoridades autonómicas, posto que hai consellerías que deberían cumplir cunha función pública, e habería que exixirlles a colaboración cos músicos para levar adiante a solución aos problemas. Benedicto prantexa a exixencia da participación dos músicos no desenvolvemento da recente Constitución -que tiña só uns meses de vida- nas novas leis que atinxan ao sector, para garantir que esas leis van ser democráticas e que van beneficiar aos músicos. Nos aspectos culturais fixo referencia á falta de conservatorios de música e que os poucos que existían na época estaban financiados por sociedades privadas, tendo un funcionamento moi deficiente. Tamén criticou Benedicto o papel da TVE e da Radio, que tenden a propiciar un tipo de “música típica ou de moda”, expoñendo a idea de que os músicos teñen moito máis que facer que reproducir únicamente a música das multinacionais. E para elo habería que exixir que as emisións de radio e televisión tivesen uns prantexamentos distintos.
O traballo sindical ven de lonxe. Anos despois, no 1983, o SGM integrouse na central sindical CCOO, que en certo modo era o máis previsibel, posto que xa na liña sindical de 1979 se decía que “somos coincidentes con algunhas centrais sindicais, con unha máis que con outra”. Esa decisión tomouse nunha reunión da comisión executiva á que asistín, e na que a opinión e a postura de Gelo García Seoane, daquela Secretario Xeral do SGM, foron decisivas.
Durante anos as campañas informativas e de promoción cultural realizadas polo SGM convertiron a este sindicato nun referente no ámbito da xestión cultural, tanto en Galicia como no resto do estado. Aparte de poñer en marcha un servizo de contratación de artistas que axudou a moitos, sempre supuxo unha fonte de información sobre todos os aspectos da contratación e xestión laboral dos artistas, mesmo editando a revista do espectáculo Estaribel, na que tamén ten colaborado Benedicto, tanto con ideas como con textos.
Ata non hai moito recibía periódicamente os boletíns electrónicos de Pola Esquerda, onde Benedicto difundía un mundo de realidades e de posibilidades. Hai anos que non vexo a Benedicto. Tamén ten dereito a descansar de cando en vez. Unha das últimas veces foi nunha das manifestacións en Santiago polo accidente do Prestige, que él citaba na resposta á miña mensaxe. Quédome con esas últimas palabras:
“Ese é o combustible, o alimento, dos que nos negamos a renunciar á UTOPÍA, así, con maiúsculas. Así podemos perseguila cada día.” (Benedicto).
____________________________