Así escribía eu unha mensaxe a algúns colegas no 2004 para recordar a fundación do SGM no ano
que o sindicato cumpría 25. E así me respondía Benedicto, con esa sencillez, determinación, espíritu positivo
e claridade de ideas que sempre amosa.
A primavera de 1977 supuxo un marco de referencia moi necesitado, moi soñado e moi traballado en
todo o estado español. Despois de case cuarenta anos de ditadura, a legalización dos partidos e dos sindicatos
permitiu a quen xa levaba anos artellando e loitando pola liberdade poder continuar coa sua actividade dun
xeito máis real, abandonar a clandestinidade e poñerlle nome ás actividades políticas e sociais.
Neses tempos o PCG era en Galicia, en gran medida, o movemento da esquerda, a referencia da loita
antifranquista nas fábricas, nos grandes asteleiros, na universidade, no mundo da cultura, referencia na que
tamén convivía o movemento nacionalista galego e se sabía da loita da UPG. Cando se facía mención do
partido, xa se sabía de qué se estaba a falar.
Benedicto García Villar, Benedicto, que estudara en Compostela e en Madrid mentres era membro de
Voces Ceibes e empregaba a canción como unha ferramenta máis da loita antifranquista, levaba unha década
de militancia, tanto no partido como no mundo sindical, nas CCOO, cando en abril de 1977 se legaliza o
PCG, se sentan as bases para o desmantelamento do sindicato vertical franquista e se abre un novo camiño
para a defensa en liberdade dos dereitos sociais e laborais dos cidadáns. Despois de Voces Ceibes participou
no Movemento Popular da Canción Galega, e nestes tempos facía recitais frecuentes con Bibiano, tamén
membro do Movemento e das Voces , ou en solitario acompañado polo baixista Luis Otero.
Na campaña electoral das primeiras eleccións democráticas coincidimos con Benedicto nunha festa-
mitin do PCG celebrada en Cabanas-Pontedeume. Había uns meses que debutáramos co noso grupo musical,
Agra, cunhas propostas que non casaban con nada do que se facía nese momento nestas terras galegas.
Seguramente por iso o noso traballo non pasou desapercibido, e algún tempo despois o mesmo Benedicto
citounos no seu piso de Xeneral Pardiñas, en Santiago, para propoñernos colaborar nos seus recitais. Noi
puido ser, por diferentes motivos, axendas, compromisos de estudos, etc., pero deses días vén a nosa
relación.
A prensa da época recolle as legalizacións e primeiras formas de asociacionismo que tiveron lugar
neses tempos, aproveitando a época da transición democrática.
http://elpais.com/diario/1978/01/03/cultura/252630006_850215.html
O Sindicato Galego da Música empezou a funcionar nos ámbitos provincial e comarcal para logo
constituirse a nivel galego. No 1978 constitúense os sindicatos de Pontevedra e de Ferrol, sindicatos de
músicos de zonas tradicionalmente abundantes en formacións musicais de moi diversos tipos, pero desde a
óptica profesional maioritariamente no ámbito dos grupos e orquestras que tocan en festas populares, en
salas de festas ou en discotecas. Un sector cultural moi marcado polo aspecto laboral, xenerador de traballo
para moita xente, e cunha actividade extendida e diseminada por toda a xeografía galega e peninsular. Non é
unha coincidencia que sexan precisamente as comarcas do norde e do sul de Galicia as que inician o
movemento sindical no ámbito da música, xa que tamén son esas zonas onde o movemento obreiro e
asociativo sempre tivo maior peso. O desmantelamento do sindicato vertical franquista, un tipo de
sindicalismo obrigatorio no réxime anterior e no que convivían por decreto empresarios e traballadores, facía
necesario un novo modelo de sindicalismo libre, desvencellado das estructuras de poder heredadas e tamén
das persoas que durante anos estiveron controlando os diferentes sectores laborais.
Tamén con Benedicto coincidimos actuando nunha Gran Festa Musical, oito horas de música viva,
celebrada no Pabellón dos Deportes da Coruña no verán de 1978 e organizado polo Sindicato Galego da
Música, coa colaboración do Sindicat de Músics de Catalunya. (La Voz de Galicia, martes 29 agosto 1978).
Buscábase aglutinar propostas de diferentes tipos para reclamar unha potenciación da música viva e popular,
afogada polas invasións discográficas. O problema profesional, a autodefinición dos músicos como
traballadores do sector musical, e a defensa dos postos de traballo son temas que preocupan a todos os alí
participantes. Houbo música de cantautor, música galega, rock, música lixeira e de baile, jazz e mesmo unha
big band integrada por músicos de diferentes grupos e orquestras.
Pero foi o 4 de xullo de 1979 cando tivo lugar formalmente a Asamblea Constituinte do SGM, xa a
nivel de Galicia, no Fogar de San Francisco, en Santiago de Compostela. Benedicto, vicepresidente da mesa,
foi quen abriu a sesión como responsabel da comisión de organización, explicando as normas de
funcionamento da asamblea, a necesidade da realización da propia asamblea e as razóns da composición dos
membros da mesa que presidía e moderaba o acto. Entre os membros da mesa había músicos de distintos
sectores, das diferentes zonas de Galicia, algúns como delegados dos sindicatos xa organizados, outros
músicos galegos convidados e tamén músicos convidados do Sindicato Musical de Madrid e do Sindicato